Monday 29 de April de 2024

A Xunta destina 11 axudas ás ANPAS de Ferrolterra para programas de promoción da igualdade e de loita contra a violencia de xénero


O Goberno galego considera fundamental a implicación destas entidades para chegar ás familias e ao alumnado

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, informou esta mañá da resolución da orde de axudas para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais galegas (Anpas).

O representante do Goberno autonómico destacou que “ a Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respetuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero”.

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estaban dotadas nun principio cun total de 300.000 euros. Posteriormente decidiuse incrementar a partida inicial en 80.000 euros ata os 380.000 euros.

Na comarca de Ferrolterra a Secretaría Xeral de Igualdade aprobou a concesión de 11 axudas que contarán cunha achega total de máis de 51.000 euros para levar a cabo os programas propostos polas Anpas de 5 centros educativos de Ferrol, en 4 centros de As Pontes de García Rodríguez, e en colexios de Narón e Pontedeume.

Cada solicitude pode recibir un máximo de 4.000 euros se é de carácter individual; ou de 7.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por dúas ou máis Anpas dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de Anpas.

Ao abeiro desta orde de axudas, vanse financiar programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarias, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa. Entre as actuacións subvencionables inclúense escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías, sobre todo no que se refire á protección da privacidade e os ciberdelitos; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero o os protocolos existentes en casos de agresións.

A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respetuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.